CRTVG

Buscar

Interior pon en venda a antiga casa cuartel da Pobra do Brollón por 155.000 euros

Publicado o 08/07/2020 20:47

Na fachada principal da antiga casa cuartel da Pobra do Brollón colga xa o cartel que anuncia a súa venda. Faino a través de Internet o Ministerio do Interior que pide pola edificación 155.000 euros. Unha mala nova para o Concello que solicitara a cesión do edificio para diversos usos como a construción dun albergue e un museo.

"Nós estivemos en negociacións co Ministerio do Interior para que lla cedese ao Concello para construír un espazo multifuncional. Nós se temos que mercalo e rehabilitalo sería un custo que o Concello non pode asumir", sinala José Luis Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.

Na vila todos apostan pola rehabilitación do inmoble, pero a maioría son partidarios de que quede para usos do pobo e lembran que foi no ano 1953 cando o propio Concello achegou o terreo e puxo o diñeiro para construír o cuartel.

"Sería o normal porque o Concello cedeu o terreo e os cartos no seu día", "non están de acordo porque o Concello investira diñeiro no cuartel", "para telo deshabitado e que se perda o edificio mellor que o vendan alguén se faga cargo del", "deberían cederllo ao pobo e ademais escoitei que se fixera con cartos doados polo pobo entón debería doalo ao pobo e non vendelo", din os veciños da Pobra do Brollón.

Na lista de cuarteis en venda tamén figura unha antigua casa-cuartel en Ferrol que ten máis de 900 metros cuadrados de superficie construída e pola que piden 116.000 euros.

Noticias web

08/07/2020

Máis sobre A Pobra do Brollón