CRTVG

Buscar

Instagram censura unha fotografía dun cocido galego por "violenta"

Publicado o 22/10/2019 20:47

A rede social Instagram eliminou fotografías dun cocido galego por "infrinxir as normas comunitarias" que inclúen "violencia gráfica, linguaxe que incita ao acoso, violencia e bullying ou espidos e actividade sexual", denunciou o vigués que publicou a imaxe, Richard Barreira.

Garavanzos, verduras, carne, chourizos e viño, tal e como estaban na mesa ao ser servidos, eran os alimentos que se podían ver nas fotos do "primeiro cocido da tempada" na casa da nai do usuario.

"Paréceme incrible. Non haberá restaurantes, cociñeiras e cociñeiros en Instagram que poñen os seus manxares. Podes ver  tropecientas publicacións de comida, de hamburguesas", denuncia Barreira.

O afectado compartiu a publicación este domingo ao mediodía e pola tarde xa fora eliminada e presentábanselle os motivos anteriormente citados.

Non sabe se a denuncia viu dun particular, pero de ser así, parécelle "surrealista", xa que "por moito que unha persoa denuncie ten que haber alguén que diga que o usuario ten razón". Para defenderse, Barreira compartiu o acontecido con contas de redes sociais, como a de Cultura da Xunta de Galicia ou Cocido Gallego.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí