CRTVG

Buscar

Inicíanse as probas rápidas nos sete campus de Galicia para 50.000 universitarios

Publicado o 22/10/2020 14:29

Desde primeira hora da mañá a participación do estudantado universitario na convocatoria das probas serolóxicas está a ser masiva.

Julián, alumno de Psicoloxía que forma parte do voluntariado covid na USC, explica que os estudantes foron convocados por SMS onte á tarde para esta mañá acudir en quendas de dez minutos e facer as probas na Facultade de Química. O outro punto onde se fan as probas en Santiago é a residencia do Burgo das Nacións. Os que esperaban a súa quenda apoiaban a medida, e mesmo algún sorprendíase de que en poucos minutos puidera saber o resultado.

Así é, son probas rápidas que en cuestión de minutos ofrecen resultados grazas a unha pequena mostra de sangue que se obtén picando un dedo. A Consellería de Sanidade remitiu ás tres universidades galegas 50.0000 probas, e as institucións académicas realizaranas entre esta semana e a que vén nos sete campus, con persoal voluntario.

Nese sentido, o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, que se achegou ata o Burgo das Nacións para comprobar en persoa como transcorre a xornada, explicaba que "os nosos recursos son limitados; contamos co persoal de vixilancia da saúde, pero tamén con alumnado voluntario de Enfermería".

Deste xeito obterase unha resposta fiable sobre o grao de incidencia do coronavirus entre a comunidade universitaria.

"Polo menos así poderemos saber se é certo ou non o que sae nas noticias", di un dos que agardaban a súa quenda, ao que outra estudante engade: "É unha boa idea facelo, pero tamén con outros segmentos da poboación".

A semana pasada completáronse as probas PCR nas residencias universitarias de Santiago, onde, cunha participación superior ao 83 por cento, o índice de positivos apenas superou o 1 por cento.

Noticias web

22/10/2020