CRTVG

Buscar

Inditex ten sete tendas en Wuhan, epicentro do coronavirus

Publicado o 24/01/2020 14:12

Varias empresas españolas padecen desde onte a corentena que pesa sobre Wuhan, a sétima área metropolitana máis populosa da China.

O grupo galego Inditex ten alí sete tendas, tres delas de Zara, a súa marca máis emblemática. A China é o segundo maior mercado mundial de Inditex en número de tendas, só por detrás de España. A compañía garda silencio á espera de ver como evoluciona a crise sanitaria desatada polo coronavirus. Pola súa banda, o grupo vasco Siemens-Gamesa, con máis de 300 empregados no concello coruñés das Somozas, está a desenvolver un parque eólico na provincia de Hubei, da que Wuhan é capital administrativa. Tamén o sector automobilístico cruza os dedos para que a situación non empeore.

O grupo vasco Cie Automotive, que tamén ten presenza en Galicia, produce teitos de vehículos nas súas dúas fábricas da cidade, ata o momento con normalidade. Á marxe do IBEX35, o burgalés Grupo Antolín, que hai uns anos cambiou Galicia por outros territorios como Wuhan, onde ten tres factorías e unha cuarta na súa provincia, recoñece que xa puxo en marcha un protocolo especial entre os seus empregados para evitar a propagación do virus.

Noticias web

24/01/2020