CRTVG

Buscar

Inditex rexistra perdas por primeira vez na súa historia e pechará 1.200 tendas

Publicado o 10/06/2020 14:22

• O xigante téxtil prevé pechar este ano e o próximo 1.200 tendas, 300 en España

• Pablo Isla asegura que se manterá o persoal, ao que se lle ofrecerán recolocacións

A multinacional téxtil Inditex acusa fortemente a situación derivada da pandemia de coronavirus. Por primeira vez na historia desde que cotiza en bolsa, Inditex rexistra perdas. Así, no seu primeiro trimestre fiscal, entre o 1 de febreiro e o 30 de abril, perdeu 409 millóns de euros e os seus ingresos caeron un 44 %, ata os 3.303 millóns de euros.

Unha das principais consecuencias, avanzada xa polo xigante téxtil con sede en Arteixo, é o próximo peche de 1.200 establecementos, que representan entre un 5 e un 6 por cento das vendas. Será entre este ano e o seguinte, e un total de 300 das tendas que está previsto pechar están en España.

Con todo, o presidente da compañía, Pablo Isla, vinculou este mércores o plan de "concentración de tendas" á estratexia do "últimos oito anos" e os seus proxectos a longo prazo, e non á crise do coronavirus. O pasado marzo, cando difundiu os seus resultados anuais, Inditex non avanzou o número de tendas que tiña previsto pechar nos próximos meses.

O grupo apunta que durante este período estiveron pechadas ata o 88 por cento das súas tendas e o negocio en liña experimentou un crecemento do 50 por cento nese trimestre.

Desde 2012, a compañía fundada por Amancio Ortega abriu 3.671 tendas do novo concepto de integración en espazos máis grandes, ampliou 1.106; reformou 2.556 para a súa adaptación tecnolóxica, e absorbeu 1.729, 1.024 delas nos tres últimos anos.

Isla insistiu na "total confianza no modelo de negocio e no potencial a longo prazo de Inditex" e sinalou que a principios de marzo, ante o peche das tendas polo estado de alarma, reaccionaron con rapidez e iso permitiulles "non acumular stock".

Isla sinalou que en mercados como a China, Xapón e Corea do Sur xa alcanzaron os niveis de vendas do ano pasado, e, aínda que "é demasiado pronto para saber como vai ser o comportamento dos consumidores", destacou que estes están a actuar "con total normalidade" cando volven comprar nas tendas.

En calquera caso, Inditex tamén anunciou un investimento de 1.000 millóns de euros para reforzar o negocio en liña e outros 1.700 millóns para adaptar tecnoloxicamente as tendas físicas. 

Inditex espera que as vendas por internet, que agora representan o 14 % da facturación conxunta, cheguen ao 25 % en 2022.

Ademais, na presentación destacouse que "os persoais permanecerán estables e do mesmo xeito que no período 2012-2020 ofreceranse novos postos a todos os traballadores dos establecementos absorbidos, para cubrir as novas necesidades xeradas pola integración en liña e os envíos individualizados a clientes".

Dividendo extraordinario adiado
Inditex tamén anunciou hoxe que o seu Consello de Administración propoñerá á Xunta Xeral de Accionistas, que se celebrará previsiblemente o 14 de xullo, a aprobación dun dividendo ordinario para o exercicio 2019 de 35 céntimos por acción a pagar o 2 de novembro de 2020.

Con todo, o dividendo extraordinario que planeaba repartir este ano aprázao ata o seguinte, e o previsto para 2021 pasará a 2020. Os dous sumarán 0,78 euros brutos por acción.