CRTVG

Buscar

Incumprir a corentena ou o illamento poderá supoñer multas de entre 3.000 e 120.000 euros

Publicado o 29/08/2020 20:57

As persoas que en Galicia incumpran as obrigas de illamento ou de corentena fixadas polas autoridades sanitarias enfrontaranse a sancións que van dos 3.000 ata os 120.000 euros, en función da gravidade da infracción. Publicouno na tarde do sábado o Diario Oficial de Galicia, nunha orde da Consellería de Sanidade, que entra en vigor hoxe mesmo.

A orde inclúe tanto o protocolo de actuación da consellería de Sanidade no que atinxe a illamentos e corentenas para a prevención e control do coronavirus, así como os procedementos sancionadores. 

Deste xeito, se unha persoa incumpre a obriga de corentena -considerada como infracción grave- poderá ser sancionada con contías de entre 3.000 a 6.000 euros. No caso de que concorran circunstancias agravantes, e a súa gradación- as sancións poden oscilar entre os 6.000 e os 10.500 euros no grao medio e de entre 10.500 e 15.000 no grao máximo.

Por exemplo, considérase circunstancia agravante que unha persoa rompa a corentena para acudir a actos sociais multitudinarios, festas ou celebracións ou establecementos abertos ao público. Tamén que se teña contacto con persoas vulnerables á enfermidade ou que a ruptura da corentena sexa repetida. 

Uns rangos de sanción que tamén se propoñen para as persoas positivas que estean en corentena. E neste caso, se hai alteración, danos ou riscos sanitarios graves, a infracción será considerada moi grave e podería supor ata 120.200 euros de sanción en función do grao que sexa tipificada. 

Os tramos de sanción, que parten da mínima de 3.000 e que poden chegar ata os máis de 15.000 euros, aplícanse aos incumprimentos da obriga de illamento. Se houbese danos ou riscos sanitarios graves, a sanción partiría dos 15.000 de mínimo ata os 120.000 de máximo.     

A orde tamén establece sancións de entre 3.000 a 15.000 euros para aquelas persoas que non cumpran coa súa obriga de colaborar coas autoridades na investigación da busca de contactos en casos da covid-19.