CRTVG

Buscar

Os hostaleiros de ocio nocturno esixen reabrir, con medidas de seguridade

Publicado o 02/06/2020 11:49

Os que de momento van seguir parados, e pechados, son os locais de ocio nocturno, pubs e discotecas. Foi un cambio de última hora, tiñan todo preparado para empezar na fase 3. 

"Foi unha decepción enorme. Levamos bastante tempo preparando os locais e con esta noticia quedamos no aire, non sabemos cando nin como imos poder abrir", di Juan Barreiro, propietario dun local.

No tocante a reinventar o negocio, Barreiro di que eles non teñen problema porque "é un local grande, pero nos locais nocturnos pequenos, que son para bailar, aí é máis complicado garantir a distancia entre persoas. Teñen que darnos facilidades", engade.

"Dende a asociación estivemos en contacto co Concello de Pontevedra, tivemos un par de reunións pero aínda non tivemos noticias", di Ángel Sorey, vicepresidente de hostaleiros de Pontevedra.

Sobre a posibilidade de que as comunidades se fagan cargo da xestión da terceira fase, teñen a esperanza de que se poida "axilizar a desescalada". "A hostalería nocturna é a que máis vai sufrir. O tema das limitacións no tocante á distancias é complicado. Hai locais que xa dixeron antes de que saíran as medidas, que ían pechar", apunta Sorey.

Incerteza entre o sector da hostalería do ocio nocturno que non saben cando poderán volver a reactivar a actividade despois destes meses sen ingresos. Solicitan conversas directas cos responsables de Sanidade e axudas directas que contribúan a paliar esas perdas.

 

 

Noticias web

02/06/2020