CRTVG

Buscar

Extinguido o incendio de Dodro e Rianxo, que afectou 1.162 hectáreas

Publicado o 28/03/2019 20:48

• Extinguido o de Toques, Ponteareas e os da provincia de Ourense

• Comeza en Ourense o xuízo do 'pirómano dos chourizos'

Extinguido o incendio que lle afectou desde o luns á tarde os concellos coruñeses de Dodro e Rianxo, e que finalmente arrasou, segundo estimacións oficiais, con 1.162 hectáreas. O vento e a escasa humidade dificultaron o control e a extinción das lapas que mantiveron os veciños en alerta durante tres días pola proximidade do lume ás casas. Medio Rural dá por extinguidos tamén os tres incendios que afectaron os concellos ourensáns do Barco de Valdeorras, Chandrexa de Queixa e Calvos de Randín.

Rianxo volve quedar tinguido de negro tras o peor incendio rexistrado en ano e medio en Galicia e que custou máis de 40 horas de intenso traballo e dun amplo despregamento de medios para dalo por controlado, aínda que non está extinguido. Ata preto do mediodía de onte non levantaban a situación 2 de emerxencia. As lapas chegaron ás portas de moitas casas, aínda que, afortunadamente, entre veciños e as brigadas de extinción, non pasou de aí.

"Non houbo grande afectación nin a vivendas nin a instalacións públicas. E co susto no corpo, por moitas horas de traballo e de estar a pé de canón, intentando achegar tranquilidade e que houbese medios en todos os sitios", contaba Adolfo Muíños, o alcalde de Rianxo.

Finalmente, segundo cifras oficiais, foron 1.120 as hectáreas arrasadas polo lume en Rianxo e Dodro, das que 900 foron de monte arborado e 110 de monte raso.

"Agora xa se queimaron. Agora xa valen menos, xa non hai quen os queira. Agora xa os traio para leña, para queimar e listo", contaba un veciño ó que lle ardeu unha finca. 

A investigación determinará a orixe do lume, que se sospeita que se iniciaba coas faíscas dun cable de alta tensión en Bexo. A cousa tamén melloraba nas últimas horas na provincia de Ourense. Medio Rural daba por extinguido ás sete da tarde o incendio que queimou 121 hectáreas no Barco de Valdeorras, na parroquia de Santigoso, que comezaba en dúas frontes, polo que se sospeita que foi intencionado. Tamén se dan por extinguidos os incendios que arrasaron 70 hectáreas de monte raso en Chandrexa de Queixa e o que sufriu Calvos de Randín e que arrasou 7 hectáreas de bosque no Parque Natural do Xurés.

En total, entre todos os incendios arderon máis de 1.400 hectáreas nestes tres días en toda Galicia, case a metade do que ardeu durante o ano pasado. Só o martes, segundo a Xunta, declaráronse 39 incendios.

 

Noticias web

28/03/2019