CRTVG

Buscar

Incendio nunha casa okupa de Lugo que dá problemas acotío ao vecindario

Publicado o 19/06/2019 13:48

Os veciños da rúa Río Neira de Lugo xa perderon a conta das veces en que os bombeiros e a policía local tiveron que acudir a este edificio abandonado por causa dos trastornos que provocan os okupas que entran pasar as noites no seu interior. A última intervención foi debida a un pequeno incendio no segundo andar que acabou de calcinar o pouco que quedaba en bo estado dentro da vivenda. Todo apunta a que non se tratou dun incendio intencionado, senón dun descoido, porque os okupas deixan as cabichas no chan sen apagar ou prenden fogueiras para se quentar ou cociñar. Os veciños temen que estes pequenos incidentes acaben por causar unha desgraza.

"Isto xa leva así moito tempo e non se dá arranxado. Calquera día vai pasar algo gordo e vai haber un problema serio".

"Veñen polas noites e métense aí dentro facer lume. Non se sabe quen son".

O edificio leva moitos anos abandonado e, por estar nunha das rúas máis céntricas de Lugo, serve de reclamo para os okupas e os vagabundos. Hai anos ía ser derrubado para construír un bloque de vivendas, pero o proxecto paralizouse pola crise. Por causa dos incidentes que se producen case todas as semanas, colocáronse valos para que os viandantes non se acheguen ás zonas onde se pode desprender a cuberta. Tamén se cortou o gas e a luz, pero os veciños piden medidas máis contundentes para poñer fin a esta situación.

"Xa estamos fartos. Non hai semana en que non teña que vir a policía".

Outra das medidas que piden os veciños é a de que se tapien portas e ventás para que ninguén poida entrar no edificio.

Noticias web

19/06/2019