CRTVG

Buscar

Dous altos responsables de Podemos, investigados polo financiamento do partido

Publicado o 11/08/2020 13:48

O titular do Xulgado de Instrución número 42 de Madrid, Juan José Escalonilla, imputou a Juan Manuel do Olmo, secretario de Comunicación de Podemos e responsable das campañas, así como un estreito colaborador de Pablo Iglesias, e o tesoureiro e a xerente do partido tras a denuncia presentada polo avogado despedido José Manuel Calvente por posibles delitos de malversación e administración desleal. Pois ben, imputan agora a Podemos como persoa xurídica na causa que investiga a financiación do partido.

A investigación xudicial vén pola denuncia do ex-avogado de Podemos José Calvente, que acusa a formación de ter unha caixa B e de pagar sobresoldos. O 29 de xullo ratificou esas declaracións.

E agora o xuíz chama a declarar como investigados tres membros da cúpula do partido, entre eles, Juan Manuel del Olmo, secretario de Comunicación, responsable das campañas e man dereita de Iglesias. Tamén na vicepresidencia do Goberno, onde ten o cargo de director de Estratexia. 

Tamén teñen que declarar como investigados o tesoureiro e a xerente de Podemos. Os tres enfróntanse aos posibles delitos de malversación e administración desleal. Están citados o 20 de novembro.

O xuíz ordenou ademais outras dilixencias, como pedirlle a Podemos abundante documentación: dende a contabilidade ata as táboas dos soldos dos traballadores.

Dende a formación din que estamos só ante un caso mediático e que as acusacións quedarán en nada.