CRTVG

Buscar

Imparten en Lugo o primeiro curso de endoscopia dixestiva para cirurxiáns no ámbito estatal

Publicado o 20/06/2019 21:02

Este é o primeiro curso de endoscopia dixestiva para cirurxiáns que se imparte de xeito oficial en todo o ámbito estatal. Nel, profesionais de sete hospitais galegos aprenden esta técnica practicando con animais de experimentación e mais con simuladores.

José Conde, xefe do Servizo de Cirurxía do HULA: "Nós non pretendemos para nada introducirnos no que é o diagnóstico endoscópico. É simplemente unha ferramenta máis para os cirurxiáns para facer a cirurxía máis segura."

No curso, que se celebra en Lugo organizado pola Sociedade Galega de Cirurxía, participan algúns dos mellores especialistas de Dixestivo de Galicia, que asesoran os cirurxiáns durante as sesións teóricas e prácticas.

Juan Turnes, xefe do Servizo de Dixestivo do CHOP: "O que nós proporcionamos é esa visión complementaria do que non se ve, do que está dentro. En determinadas cirurxías é moi importante ter esa dobre visión para poder facer operacións máis precisas e máis seguras."


Leopoldo López Rosés, xefe do Servizo de Dixestivo do HULA: "Que aprendan a manexar endoscopios flexibles para aplicalos en determinadas técnicas cirúrxicas. Sobre todo técnicas da cirurxía esofagogástrica, as hernias de hiato ou a acalasia, nas que o o apoio da endoscopia pode ser importante."

Logo destas sesións prácticas no Hospital Veterinario Rof Codina de Lugo, o curso continuará con máis probas na Unidade de Endoscopia do HULA.

Noticias web

20/06/2019