Impactantes imaxes dunha femia que intenta salvar a súa cría morta
É a loita sen tregua dunha femia de golfiño que case sen folgos intenta salvar o seu pequeno de tan só uns días de vida.
A escena que foi captada por Juan Carlos, capitán dun barco de pasaxe, en Combarro, impactou tanto a tripulación como os turistas que realizaban a singradura.
A nai intentou salvalo durante días, emerxendo unha e outra vez para mantelo na superficie. Trátase dunha mostra de dó, un comportamento xa documentado nesta especie de golfiño mular.
Finalmente a nai e a cría foron localizadas preto da costa de Campelo. Cando os biólogos do CEMMA intentaron recoller o golfiño morto, a femia impediu que a despegaran do seu fillo, polo que non se puido investigar a causa do falecemento.
Un comportamento que nos amosa, unha vez máis, ata onde pode chegar o amor dunha nai, tamén no mundo animal.