CRTVG

Buscar

Illan a cidade de Ovar, en Portugal, tras ser declarada zona catastrófica

Publicado o 18/03/2020 17:48

En Portugal agárdase que esta noite se declare o estado de emerxencia, o equivalente ao estado de alarma en España. O número de casos achégase aos 700 e unha cidade do norte do país tivo que ser totalmente illada. A cidade de Ovar, a 40 quilómetros ao sur do Porto, foi declarada zona catastrófica pola sospeita dun gran número de positivos en COVID-19. Non concretan a cifra, pero pode superar os 500 casos á espera da confirmación das probas. O que si se sabe é que hai familias enteiras con coronavirus e por iso decidiron pechar os accesos. As medidas son tan estritas que afecta un radio de 11 quilómetros onde están confinadas arredor de 70.000 persoas. De todas formas ese confinamento agárdase que se aplique a partir de mañá mesmo a todo o país coa declaración do estado de emerxencia, e Portugal pase a estar na mesma situación que España. O presidente da República dará un discurso esta noite á nación para explicalo. O último reconto fala de 642 positivos en COVID-19 e 2 mortos, un deles hai unhas horas, tratábase do presidente do Banco Santander en Portugal, de 78 anos de idade e con patoloxías previas. 

 

 

 

Noticias web

18/03/2020