CRTVG

Buscar

Illados por coronavirus nove traballadores de urxencias do Hospital de Pontevedra

Publicado o 06/10/2020 18:57
Illados por coronavirus nove traballadores de urxencias do Hospital de Pontevedra

Ata nove traballadores do servizo de urxencias do Hospital Montecelo de Pontevedra foron illados nos seus respectivos domicilios por covid−19.

Sanidade asegura que a todos eles se lles fixo a proba diagnóstica "pertinente", coa que deron identificado estes novos casos.

O persoal afectado son seis facultativos, un médico interno residente e dúas enfermeiras. Segundo as autoridades sanitarias, evolucionan favorablemente.

O punto de inicio deste gromo, segundo Sanidade, sería o positivo dun médico que se contaxiou fóra do hospital e, posteriormente, compartiu garda con outros dous médicos.

En todo caso, a xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra afirma que todos os profesionais sanitarios deste servizo sempre atenderon os pacientes coas medidas de protección "adecuadas" para previr a transmisión do virus.

Ante este gromo, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés efectuará cribados preventivos que abarcarán entre 150 e 160 profesionais deste servizo de Urxencias.

Os responsables do hospital, ademais de desinfectar a zona concreta, ordenaron revisar a operatividade e seguridade dos actuais circuítos e a organización da asistencia hospitalaria por se fose necesario adoptar novas medidas de seguridade ou delimitar algún espazo.