CRTVG

Buscar

Illados catro traballadores do cárcere da Lama tras daren positivo por covid-19

Publicado o 13/10/2020 19:01
Illados catro traballadores do cárcere da Lama tras daren positivo por covid-19

Polo menos catro persoas do persoal de traballadores do centro penal da Lama deron positivo por covid-19, segundo confirmaron fontes do penal pontevedrés.

Dous dos funcionarios son asintomáticos, mentres que os outros dous teñen síntomas leves da enfermidade, aínda que todos eles se recuperan nos seus respectivos domicilios.

Os catro positivos detectáronse tras o rastrexo dos contactos dunha traballadora do centro á que lle facían unha PCR polo positivo dun familiar co que mantivera un contacto estreito.

Tras detectárense os primeiros casos, activouse un rastrexo interno dentro do cárcere para descartar que se producisen máis contaxios.

O risco de propagación do virus cara aos internos do penal é escaso, sinalan as mesmas fontes, xa que o protocolo interno obriga a extremar todas as precaucións no contacto cos reclusos.

Estes catro positivos, os primeiros que se rexistran entre os funcionarios do cárcere pontevedrés, chegan días despois de confirmarse o primeiro contaxio entre os presidiarios, un interno ao que lle revogaron o terceiro grao e tivo que volver a prisión.