CRTVG

Buscar

Iglesias defende aprobar o ingreso mínimo vital "o antes posible"

Publicado o 06/04/2020 22:29
Iglesias defende aprobar o ingreso mínimo vital "o antes posible"

O vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias, anunciou este luns que o Goberno traballa para que a renda básica sexa unha realidade "canto antes" e garantiu que nesta crise "ninguén quedará atrás". "É imprescindible traballar para que haxa un ingreso mínimo vital que non deixe a ninguén na estacada", dixo Iglesias nunha entrevista en TVE en que explicou que a Vicepresidencia de Dereitos Sociais que el encabeza e o Ministerio de Traballo e Economía Social e o de Inclusión, Seguridade Social e Migracións traballan en que a renda básica estea en marcha "canto antes".

Esta medida "xa era unha necesidade" antes da crise, considerou Iglesias, con dez millóns de cidadáns en risco de pobreza e un trinta por cento de pobreza infantil, pero coa emerxencia sanitaria para moitas persoas a dificultade "multiplícase", recalcou. O ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030 considerou "imprescindible" traballar no ingreso mínimo vital para "non deixar a ninguén na estacada, porque todos sabemos que ese virus non entende de territorios, pero si de clases sociais" e lembrou que esta prestación é un "consenso transversal" que defenderon varios economistas e unha "obrigación democrática" para Europa.

Iglesias referiuse ás persoas máis vulnerables, a quen perdeu o emprego, ten dificultades para pagar o aluguer ou para "encher unha bolsa con alimentos", e estas persoas, sinalou, "non poden permitirse un Goberno que non dea a cara". O Executivo, garantiu, "vai facer que nesta crise ninguén quede atrás, vai responder, vai cumprir a Constitución e vai protexer a toda a cidadanía".

Pactos da Moncloa, "un acordo a prol do público"

O vicepresidente do Goberno tamén se referiu a uns novos pactos da Moncloa e apuntou que estes deben virar ao redor dun grande acordo polo público e polos dereitos sociais porque "é a primeira lección" que deixou a emerxencia sanitaria da COVID-19. Neste sentido, tendeu a man a todas as forzas políticas para ese "pacto transversal" polo público que permita saír da crise e, principalmente, para reforzar a sanidade pública e acabar coas "condicións de precariedade" en que traballan algúns profesionais do sector sanitario.