CRTVG

Buscar

Pablo Iglesias chama a "arremangarse" pola "reconciliación"

Publicado o 14/10/2019 11:00
Pablo Iglesias chama a "arremangarse" pola "reconciliación"

O líder de Podemos, Pablo Iglesias, considerou que a sentenza do procés pasará á historia como "símbolo de como non hai que abordar os conflitos políticos en democracia" e fixo un chamamento a "arremangarse" e traballar por "reconstruír pontes" en Cataluña e buscar a "imprescindible reconciliación".

Nunha mensaxe nas redes sociais, Iglesias considerou que "todo o mundo terá que respectar a lei e asumir a sentenza", da que fai só unha valoración, o consenso do tribunal sobre que non houbo violencia, algo que era "evidente para todo o mundo, tamén para os maiores adversarios do independentismo".

A partir de agora, asegura que o seu partido traballará "humildemente" por esa reconciliación.

"Fronte ás dereitas incendiarias e a un PSOE riverizado que axita o artigo 155 de forma irresponsablemente electoralista, Unidas Podemos ten que representar outra idea de España baseada na empatía, o diálogo e a fraternidade", dixo.

Para o líder de Podemos, hoxe culmina unha etapa crucial dun camiño que "nunca" se debeu de percorrer, o da "xudicialización dun conflito político que debeu xestionarse sempre por leitos políticos".

Ademais, recalcou que "as mesmas receitas que nos levaron ata esta situación non serán as que nos saquen dela".

Por todo iso apelou á "responsabilidade" do conxunto dos partidos para abrir "unha nova etapa de diálogo que rexeite a confrontación e que se marque como obxectivo a procura de solucións políticas e democráticas a un conflito que nunca debería ser xudicializado".

Considera, ademais, que as apelacións ao diálogo deben deixar de ser un recurso "meramente  retórico" e servir para "desterrar a idea dunha intervención do autogoberno catalán que se demostrou errada e contraproducente".

"Respectar o voto dos cataláns é tamén condición de posibilidade da reconciliación", dixo Iglesias, quen nesta primeira reacción á sentenza manda un abrazo aos condenados e ás súas familias.

Engade que discrepa "absolutamente" dos líderes independentistas pero cando lles visitou en prisión e falou con eles puido comprobar "a súa calidade humana e a profundidade moral das súas conviccións".

"A empatía ten que ser a emoción que guíe a nosa acción política se queremos albiscar algún día escenarios de resolución do conflito", sinala.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí