CRTVG

Buscar

Identifican un condutor sen carné tras marchar sen pagar dunha gasolineira en Santiago

Publicado o 05/08/2020 13:52

A Policía Local de Santiago detivo un home por marchar sen pagar nunha estación de servizo da cidade. Durante a súa identificación, os axentes puideron comprobar que o suposto delincuente, non só cometera unha falta ao non aboar o combustible, senón que tampouco tiña carné.

Todo acontecía nunha céntrica estación de servizo da Pontepedriña, en Santiago. Era de noite e ata o establecemento achegouse un cliente, coma outro calquera. O que non sospeitaba a persoa que o estaba a atender é que cando lle encheu o tanque de combustible o home subiu ao coche e marchou sen pagar.

A casualidade fixo que unha patrulla da Policía Local chegara ao pouco de marchar o suposto delincuente facendo unha rolda. Dende a gasolineira demandaron a súa atención.

Alí os axentes informáronse do que acababa de acontecer e pediron unha descrición do vehículo, así como o número de matrícula do fuxido. Comezaron as súas pescudas e cal foi a súa sorpresa cando na mesma rúa que está ao carón da gasolineira, Fernando III O Santo, atoparon o Audi A3 que buscaban.

Procederon a identificar o condutor, que sería responsable dunha falta. E as sorpresas non remataron aí, para máis inri, descubriron que o condutor non tiña permiso de conducir porque xa non tiña puntos, debido ás infraccións cometidas.

Unha vez feita a denuncia mandárona ao xulgado de garda. Conducir sen puntos por perdelos é un delito tipificado no artigo 384 do Código Penal que supón unha infracción moi grave sancionada con multas de ata 6.000 euros e penas de ata seis meses de cárcere.

Noticias web

05/08/2020