CRTVG

Buscar

Hospitalizados os catro ocupantes dun coche que caeu ao Miño no Rosal

Publicado o 10/03/2020 10:23

Catro persoas foron trasladadas onte á noite a un centro hospitalario despois de que o turismo en que viaxaban caese ao río Miño no Rosal.

Segundo informou o 112 Galicia, estas catro persoas foron evacuadas con feridas nas mans, resultado de romper os cristais das xanelas para saír do interior do vehículo, que acabou mergullado.

Os feitos sucederon na parroquia de Tabagón, nas proximidades do velódromo, arredor da 1:40, momento en que un particular chamou ao 112 Galicia para informar do accidente.

Desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, aos voluntarios de Protección Civil do Rosal, ao GES da Guarda e aos bombeiros do Baixo Miño.

Finalmente, o turismo accidentado foi retirado do río por un guindastre.