CRTVG

Buscar

Hai 560 contaxiados da covid-19 nas residencias de maiores galegas

Publicado o 17/01/2021 21:00

A residencia das franciscanas Paz y Bien de Tui continúa a ser o centro con maior número de casos despois de máis dunha semana desde que se detectara o gromo. Hai 63 residentes contaxiados e 25 traballadores, iso fai un total de 88 persoas coa covid-19. O dato positivo é que do sábado ao domingo non houbo casos novos. Só os enfermos da residencia supoñen para Tui unha incidencia acumulada nos 100.000 habitantes de 520 casos.

A residencia de Ribeira, igual que a de Tui, non variou as cifras nas últimas 24 horas. Ten 78 casos activos. Cincuenta e nove son residentes e 19 son traballadores. A Domus de Vimianzo baixa as cifras este domingo. Ten dez casos menos entre os seus residentes, agora hai 46 contaxiados fronte aos 56 do sábado, e mantén o número de 22 traballadores positivos en coronavirus. Tamén baixan os casos na residencai da Pastoriza, en Lugo. Tiña 38 residentes contaxiados e agora ten 33 e mantén o número de traballadores coa covid-19: vinte e tres.

Ademais, este domingo a administración galega comunicou un novo gromo na residencia Quercus de Leiro en Ourense, que pasa de cero casos a 34. Vinte e sete son usuarios e sete traballadores.

Canto aos centros para discapacitados, a cifra total sobe en parte polo gromo da residencia Pai Menni de Betanzos, que ten 29 residentes contaxiados e sete traballadores.

Noticias web

17/01/2021