CRTVG

Buscar

Suspenden a celebración do San Xoán nas praias da Coruña

Publicado o 29/05/2020 21:19

Se hai unha festa que os coruñeses celebren con entusiasmo, esa é o San Xoán. Con entusiasmo e de xeito multitudinario. Pero a COVID-19 obriga e haberá que agardar ao ano que vén para que se repitan estas imaxes, as de millieros de persoas festexando o San Xoán no Orzán e Riazor.

O noite do 23 prohibirase o acceso ás praias polo que o lume das cacharelas non arderá á beira do mar como cada ano. Din dende o Concello que foi unha decisión dificil, pero que o prioritario é a saúde.

"É unha cuestión de saúde pública, de seguridade. Non é unha cuestión doada. Para min é unha decisión terriblemente dolorosa porque o San Xoán é a festa grande da cidade. Pero non podemos permitir que se xunte 100.000 ou 120.000 persoas nos areais", explica a alcaldesa da cidade, Inés Rey.

Na rúa a xente define de comprensible esta decisión do Concello. Este ano apostarán por celebracións adaptadas ás circunstancias.
"A situación é a que temos e non podemos cambiala, nin arriscarnos a facer outro brote e volver para atrás. Penso que é a decisión máis axeitada ainda que non me guste.Celebrareina con catro amigos na casa ou onde se poida. Pero na praia non pode ser", di un coruñés.

"Entendemos que é o que hai que facer, outro ano será", di unha rapaza. "Dame moita rabia porque é unha noite que gusta moito saír, pero que lle imos facer", conta outra. "Pareceme normal que non se celebre o San Xoán este ano pola COVID porque hai moita xente pola praia. Enténdoo totalmente", asegura un mozo. "Agardo que todo o mundo o entenda porque é o máis normal",afirma unha veciña.

Nunha festa declarada de Interese Turístico internacional e que pode reunir nas praias máis de 100.000 persoas din sería imposible manter o distanciamento social que garante a prevención do virus.

 

Noticias web

29/05/2020