CRTVG

Buscar

Gromo na residencia de Xinzo onde todos os afectados estaban vacinados

Publicado o 04/03/2021 14:58

Na residencia de Xinzo de Limia, con medio centenar de prazas, rematouse axiña o proceso de vacinación. O 21 de xaneiro recibiron xa a segunda dose porque ata agora non tiveran casos de Covid.

Din os sanitarios que eran esperables positivos en persoas vacinadas, porque non hai ningunha vacina efectiva ao cen por cento. María Sande, xefa do servizo de Medicina Preventiva do CHUO: "Estanse a facer novos cribados para descartar novos contaxios. Hai 7 persoas afectadas e o máis importante, a maioría non ten síntomas".

Un dos enfermos está hospitalizado. Os outros 6 contaxiados e outros catro residentes que tiveron contacto con eles están illados. Esta mañá fíxose outro cribado para detectar máis casos. Os 22 traballadores e as persoas que estiveron de visita deron negativo.

A idade avanzada e as enfermidades crónicas son factores que poden reducir a efectividade das vacinas. "No caso das persoas maiores hai outro factor que se debe considerar: a concomitancia de enfermidades asociadas á vellez e enfermidades crónicas ou tratamentos que seguen que debilitan a resposta ás vacinas", di a doutora Sande.

Mentres non se avance no proceso de vacinación, os sanitarios lembran a importancia de seguir todas as medidas de protección: usar a máscara, manter a distancia social, a hixiene de mans e diminuír as relacións sociais.

Noticias web

04/03/2021