CRTVG

Buscar

Grande-Marlaska di que "non está nos plans do Goberno indultar os condenados"

Publicado o 15/10/2019 11:39
Grande-Marlaska di que "non está nos plans do Goberno indultar os condenados"

O ministro do Interior en funcións, Fernando Grande-Marlaska, dixo que espera que o ex-presidente de Cataluña Carles Puigdemont sexa entregado a España para ser xulgado pola súa participación no proceso de independencia e que non está nos plans do Goberno indultar os xa condenados.

Así o manifestou Grande-Marlaska ao ser preguntado pola sentenza do Tribunal Supremo que condenou a doce acusados polo procés e pola orde europea de detención de Puigdemont polos delitos de sedición e malversación de fondos públicos.

Fernando Grande-Marlaska mostrou tamén a súa satisfacción pola coordinación e a cooperación de Policía Nacional e Garda Civil cos Mossos d'Esquadra e manifestou que actuaron con "proporcionalidade, profesionalidade e eficacia" para restablecer a orde e a seguridade por mor dos incidentes ocorridos este luns en Cataluña tras coñecerse a sentenza.

Sobre a euroorde para deter a Puigdemont indicou: "Soamente pode conducir á entrega de  Puigdemont ás autoridades españolas para que sexa xulgado polos delitos que se lle imputan".

En canto á posibilidade de indultos aos xa condenados lembrou que este luns o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "foi moi claro", "acatar unha sentenza é cumprila integramente e non está dentro dos plans indulto algún".

Sobre as mobilizacións convocadas en protesta pola sentenza do procés o ministro indicou: "Hai investigacións, pois temos uns servizos de intelixencia e de información realmente eficaces, e terminaremos sabendo quen está detrás destes movementos de Tsunami Democratic".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí