CRTVG

Buscar

Gómez-Reino e Noriega liman diferenzas a 48 horas para o peche do prazo de rexistro de coalicións

Publicado o 19/02/2020 20:38

• Paula Vázquez Verao e Davide Rodríguez, afíns a Villares, piden unha alianza soberanista sen Podemos nin Esquerda Unida

Gómez-Reino e Noriega liman diferenzas a 48 horas para o peche do prazo de rexistro de coalicións

A 48 horas do peche do prazo para o rexistro de coalicións ás eleccións autonómicas, Antón Gómez-Reino por Podemos e Martiño Noriega por Anova apuran as conversacións para explorar a posibilidade de pechar unha alianza que suporía evitar a atomización da esquerda rupturista na cita coas urnas do 5 de abril. O día en que Luís Villares anunciou o seu adeus á política -o cal deixa máis no aire a posible participación de En Marea nos comicios do 5A-, o secretario xeral da formación morada galega e o exalcalde de Santiago mantiveron este mércores unha nova reunión na que avanzaron nas conversacións para tratar de lograr unha candidatura conxunta. 

As diferenzas entre as posturas limáronse respecto ao comezo da semana, cando o acordo parecía remoto ao non ceder ningunha das partes nas súas pretensións. Estas pasaban pola integración de Anova na coalición Galicia en Común, ou, como os nacionalistas pretendían, pola ampliación mrefdiante a suma das mareas de Santiago e A Coruña.

O venres arrincan as votacións das primarias do partido morado para elixir candidatos, con Gómez-Reino como única persona postulada para liderala. Neste contexto, Podemos e Anova emprazáronse a continuar este xoves coas conversacións, aínda que a decisión definitiva sobre se haberá candidatura unitaria podería retrarsarse ata o venres, día en que, á medianoite, conclúe o prazo para rexistrar coalicións.

O xoves reúnen as súas asembleas

As mareas de Santiago e A Coruña reunirán, neste escenario, as súas asembleas este xoves, a partir das 19:30 horas para tomar posición sobre a fórmula de concorrencia e as posibles alianzas. A súa postura, en todo caso, terá que ser definitiva o vindeiro venres.

Tras o adeus de Luís Villares á política, dous dos deputados afíns a el -procedentes do nacionalismo-, Paula Vázquez Verao e Davide Rodríguez, pronunciáronse a favor dunha "alianza ampla soberanista, de persoas, candidaturas municipalistas, colectivos e organizacións políticas galegas soberanas", o cal excluiría a Podemos e Esquerda Unida. De feito, nas súas redes sociais, compartiron un texto en que consideran que as eleccións galegas poden ser un "salto cualitativo" para a consolidación do soberanismo, tanto para ser, a curto prazo, determinante e forte nun "posible goberno galego progresista", como no plano estratéxico "fortalecer a base soberanista e, no contexto de reconfiguración territorial do Estado, ter presenza como nación". 

No escrito lamentan a marcha de Luís Villares, o maxistrado en excedencia que foi chamado en 2016 para encabezar o proxecto de En Marea, de cuxo proxecto marcharon os principais impulsores. "Desde onde sexa e como sexa, traballaremos por estes obxectivos: o desaloxo de Feijóo e o liderado soberanista da alternativa".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí