CRTVG

Buscar

Gómez-Reino di que é unha "irresponsabilidade histórica" convocar os comicios en xullo

Publicado o 18/05/2020 12:54

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, considera que convocar as eleccións para o 12 de xullo é unha "irresponsabilidade histórica" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Gómez-Reino avanzou que a súa formación empregará "todas as medidas legais" para evitar que os comicios se celebren sen garantías sanitarias e democráticas. "Se vai haber vidas en risco, imos empregar todas as medidas legais ao noso alcance", insistiu.

O político, que concorreu como candidato para os comicios do 5 de abril suspendidos, cuestionou os intereses en que basea Núñez Feijóo a súa chamada ás urnas para o mes de xullo cando é evidente "que os galegos non están a pensar en eleccións".

Tamén reprochoulle ao presidente da Xunta que buscase "un escudo" para xustificar a convocatoria electoral, que "neste caso é o Goberno vasco, porque o señor Feijóo nunca vai de fronte", dixo, en relación á probabilidade de que as eleccións galegas e vascas volvan coincidir.

Segundo Gómez-Reino, o PPdeG decántase por uns comicios inminentes porque saben que o seu candidato á reelección ten "máis posibilidades agora que cando avance o tempo e comecen a verse as carencias da súa xestión" da pandemia do coronavirus.

Di que "non hai peor momento" no aspecto sanitario porque, segundo cre, unha vez convocados os comicios, a Xunta desatenderá as súas obrigacións para actuar en "clave electoral".

Ademais, Gómez-Reino tamén se mostrou crítico coa proposta do presidente galego de acurtar a campaña electoral. "As campañas non son un antollo e serven para asegurar e garantir o sistema democrático" polo que insinuar que se debe acometer unha "campaña reducida", segundo afirma, pon de relevo que "non se poden convocar eleccións no medio dunha pandemia".