CRTVG

Buscar

Goberno e comunidades volven debater sobre a fin de curso

Publicado o 08/04/2020 08:04

Dende o 16 de marzo, dez millóns de nenos e mozos españois non acoden ás aulas, unha situación insólita que obriga a reformular o remate deste curso atípico. O secretario de Estado de Educación reuniuse hoxe cos directores xerais autonómicos para tentar consensuar as respostas, nun encontro preparatorio da Conferencia Sectorial que convocou a ministra o próximo mércores.

Nesa data está previsto dar as respostas que agarda a comunidade educativa. A primeira decisión terá que ver co remate do curso. Semella moi improbable, pero non imposible, o regreso ás aulas para retomar a actividade presencial. Tampouco se prolongará o curso ata xullo.

A segunda decisión atinxe á avaliación: o Consello Escolar rexeita o aprobado xeral, así que ou ben pesarán as dúas primeiras avaliacións ou optarase por valorar o traballo telemático destes meses. As repeticións serán algo excepcional, e con vistas ao vindeiro curso xa se contempla que o primeiro trimestre servirá para recuperar parte do currículo perdido neste confinamento.

Este martes, o Consello Escolar do Estado pediu que se avalíe soamente o que se deu na clase e que se evite as repeticións de curso e se manteña o calendario escolar aprobado a principio deste. A petición compártea a consellería murciana de Educación, que anunciou que pedirá ao Ministerio que a avaliación de todos os ensinos obrigatorios e postobligatorias teña como obxecto os contidos que se dispensaron de maneira presencial antes do inicio da suspensión da actividade lectiva.

Ademais, esta semana o Sindicato de Estudantes reclamou a cancelación de todos os exames, incluídos os da proba de acceso á Universidade (ABAU), que todos os alumnos pasen de curso e se reorganicen os plans de estudo para recuperar, cando se poida, os contidos esenciais perdidos.

Tamén se pronunciou a Unión Sindical de Inspectores de Educación (USIE), que demandou "establecer canto antes a finalización da actividade docente presencial" e manifestou que non son partidarios de alongar o calendario escolar máis aló do 30 de xuño.

O confinamento afecta a máis de 8.200.000 alumnos e 712.000 profesores de colexios e institutos.