CRTVG

Buscar

Gandeiros galegos aposta pola produción ecolóxica para combater as emisións de dióxido de carbono

Publicado o 06/12/2019 19:47

Con 27 anos, Xoán, de Vilariño de Conso, aposta pola gandeiría ecolóxica como medio de vida. Ten un rabaño de 330 ovellas, o 70 por cento de raza galega, e agora experimenta coa gandeiría rexenerativa. Consiste, basicamente, en respectar o ciclo natural dos prados para reducir a pegada de CO2. As ovellas pacen en espazos reducidos e durante poucos días.

Xoán González Alonso, gandeiro ecolóxico: "Con isto conseguimos que aproveiten toda a herba por igual, sen desgastar as pradeiras, sen sobrepastorealas, e ao mesmo tempo, introducimos moita materia orgánica no terreo".

Asegura que este sistema, en que o asesora un biólogo cunha finca experiemental en Extremadura, lle facilita a organización do traballo e permítelle, ademais, reducir gastos.

Xoán González Alonso, gandeiro ecolóxico: "Con este sistema non fai falta nada, porque se fertilizan os prados de forma natural, reducindo moitísimo os costes de produción".

O consumo de carne, asegura, non ten por que estar enfrontado co respecto á natureza. Aposta, iso si, polo consumo de quilómetro cero.

Xoán González Alonso, gandeiro ecolóxico: "Temos que reducir o consumo de carnes industriais que teñen unha pegada moi grande de CO2, con pensos que veñen da Amazonia. Apostando por unha carne de comercio local, de quilómetro cero, producido todo con recursos naturais das zonas, poderiams reducir o cambio climático".

Coma el, hai outras tres explotacións en Galicia que empregan a gandeiría rexenerativa. Se se xeneralizara no mundo enteiro, aseguran, en 5 anos revertiríase o cambio climático.
 

Noticias web

06/12/2019