CRTVG

Buscar

O paro baixa ata os 173.700 desempregados en Galicia pero sobe en España

Publicado o 04/03/2019 23:47

Datos do paro do mes de febreiro. Galicia é unha das oito comunidades onde baixa, seis décimas, ata os 173.700 desempregados. No conxunto de España subiu o paro en 3.200 persoas, o peor dato para un mes de febreiro dende 2013. 

O paro subiu en febreiro en once comunidades e baixou en oito, entre elas Galicia, a quinta onde máis descendeu, con 1.091 desempregados menos. É unha caída de seis décimas ata os 173.709 parados. E destaca a baixada interanual, un 7,7, a segunda máis elevada, detrás de Castela-A Mancha. Hai case 15.000 parados menos ca hai un ano.

Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego da Xunta: "Baixa o paro en Galicia con maior ritmo ca a media do conxunto do Estado, que está nun 5,22%. Por outro lado, estamos en niveis de paro de hai dez anos. No colectivo de mulleres hai un descenso do paro respecto ao ano pasado dun 6,22%".

No conxunto de España o paro subiu en 3.279 persoas, no peor febreiro dende 2013. Hai case 3.300.000 parados,180.000 menos ca hai un ano. O que mellorou foi o emprego con 69.000 cotizantes máis, sobre todo en construción e educación. En Galicia hai 4.900 afiliados máis. Un total de 997.300, cun incremento interanual de case dous puntos.

Noticias web

04/03/2019