CRTVG

Buscar

Galicia terá en dúas ou tres semanas tantos hospitalizados coma no pico de abril

Publicado o 18/01/2021 21:00

Todos os indicadores da covid−19 seguen á alza en Galicia co conseguinte aumento da tensión asistencial. En Atención Primaria, onde deben facer o seguimento de máis de 12.000 infectados. E nos hospitais, onde hai máis de 700 ingresados, un cento deles na UCI.

"Nestes momentos A Coruña e Ferrol son as dúas áreas sanitarias con máis tensión desde o punto de vista asistencial", explicou Jorge Aboa, director xeral de Asistencia Sanitaria.

E os especialistas cren que o peor podería estar por vir.

"Na primeira semana de febreiro podemos incluso pasar o número de doentes da primeira vaga", advirte o responsable das UCI do CHUO, Xabier Cid. E Alberto Ruano, profesor de Medicina Preventiva da USC, aclara que ese pico, cun milleiro de hospitalizados, se produciu en Galicia o 6 de abril, despois de tres semanas de confinamento estrito. 

Con todo, en Sanidade aseguran que de momento a asistencia está garantida e aínda non é necesario recorrer aos hospitais de campaña.

"Os hospitais de campaña están dentro da cuarta fase do plan de continxencia. Para chegar á cuarta hai que superar a segunda e a terceira. Sempre están na cabeza, pero ao seu debido tempo", aclara Jorge Aboal.

No comité clínico din que aínda é cedo para saber se dan resultado as restricións en vigor desde a semana pasada, que se poderían ampliar tras esta nova xuntanza. E todos os expertos apelan aos cidadáns para que cumpran as medidas hixiénicas, restrinxan ao maximo posible os seus contactos e, se poden, se autoconfinen.

Noticias web

18/01/2021

Máis sobre actualidade