CRTVG

Buscar

Galicia supera os 6.000 casos activos e rexistra a cifra máis alta de novos positivos con 687 diagnosticados por PCR

Publicado o 24/10/2020 21:56

Un home de 87 anos finado no hospital de Santiago é a única vítima deste sábado e eleva o número total de falecementos a 860. Con 6.170 casos activos, a cifra máis alta das rexistradas ata o momento, a presión hospitalaria segue crecendo. Hai 38 pacientes máis ca onte ingresados e suman en total 363 en planta. A ocupación das UCI descende en 2 persoas ata as 46. Durante a última semana o número de hospitalizados subiu en máis dun cento. Santiago, Vigo e Pontevedra duplicaron o número de pacientes infectados nos seus hospitais e Ferrol, pasou de 5 ingresados a 25.

A cifra de casos novos tamén é a máis alta desta pandemia con 687 positivos nas últimas horas. Un dato que supera os rexistros de finais de marzo, aínda que o número de PCR feitas é tamén moito maior nestes momentos: 8.707 na xornada de onte fronte ás 2.000 diarias da primeira vaga. Na área sanitaria da Coruña foi na que máis casos novos se detectaron, 135, cunha importante suba nos dous últimos días. Vigo case duplica os positivos do día anterior, con 125 novos, e Santiago mantén a tendencia de toda a última semana, aínda que baixa algo con respecto ao xoves. As áreas de Ferrol e Lugo detectaron tamén nas últimas horas un elevado número de casos con respecto a días pasados. Ferrol sumou 90, e Lugo 84. Ourense rexistra máis casos có xoves con 83 e só Pontevedra descende en novos positivos con 52.

A situación nos xeriátricos mellora despois de recibiren a alta 59 usuarios da residencia de maiores dos Gozos. Neste momento hai 196 anciáns infectados . Os últimos casos rexistráronse na residencia de Salvaterra do Miño, onde deron positivo outros 18 usuarios e 2 traballadores e 4 maiores máis na Nosa Señora dos Anxos en Ribadavia. Tamén hai novos infectados na Domusvi Bóveda, outras 8 persoas con diversidade funcional e 9 operarios.
 

Noticias web

24/10/2020