CRTVG

Buscar

Galicia supera os 5.000 casos activos de coronavirus

Publicado o 19/10/2020 13:57

• A área de Vigo continúa subindo (+83) e é xa a terceira máis afectada

• Aumentan as hospitalizacións en planta (+20) e en UCI (+3)

• En total hai 15 municipios en nivel máximo de alerta

Galicia supera os 5.000 casos activos de coronavirus

Galicia encadea catro xornadas con importantes aumentos nos casos activos, con especial forza onte e hoxe. Nesta xornada os casos soben en 161, e os novos contaxios contabilizados polo Sergas a través de PCR son 417.

Por áreas sanitarias, a repartición quedaría así:

• Ourense: 1.516 (-61)

• A Coruña: 852 (+13)

• Vigo: 791 (+83)

• Santiago: 762 (+43)

• Lugo: 483 (+33)

• Pontevedra: 475 (+18)

• Ferrol: 222 (+40)


A área sanitaria máis afectada segue a ser a de Ourense, con 1.516 casos; con todo, é a que rexistra o maior descenso de casos (-61).

Contrasta enormemente coas fortes subas experimentadas no resto de áreas, especialmente na de Vigo (+83). En só dez días, a área pasou de ser a segunda, con menos casos logo da de Ferrol, a ser a terceira e superar a de Santiago, que sobe 43, e aproximarse á da Coruña, que aumenta 13, a menor cifra do día.

A que rexistrou a segunda suba máis baixa foi a de Pontevedra, 18. Mantén así o seu ritmo de suba dende o punto de inflexión hai tres días, o 16, logo dunha pronunicada baixada na súa curva de casos que chegou a finais de setembro aos 826, bastantes máis do seu pico en marzo, 576.

Importante incremento de casos na área de Ferrol, a área con menos casos de practicamente o inicio da pandemia. Sobe 40, situándose xa nos 222.

Aumentan as hospitalizacións

Aínda que moi afastadas das cifras de marzo, Galicia esá a sufrir un incremento das hospitalizacións por coronavirus constante. No último mes pasamos de 200 ingresados en planta a 266, e de 29 UCI ocupadas a 46.

Se tomamos de referencia o punto de menor ocupación en camas de hospitais dende hai dous meses —19 de agosto—, data próxima ao comezo da segunda vaga, vemos un incremento na ocupación do 483,64 % en planta e un 920 % nos coidados intensivos: pasamos de 55 persoas hospitalizadas e cinco nas UCI a 266 e 46 nas UCI.

Con todo, en comparación co marco do estado español, a presión hospitalaria no país é significativamente baixa.

Máis concellos en nivel de alerta vermello

A lista de municipios galegos en nivel máximo de alerta, o 3, pola incidencia do coronavirus no últimos sete días ascende este luns a 15, despois de que se desactivara no Barco de Valdeorras (Ourense) e entraran os concellos pontevedreses de Nigrán e Poio, e mais os coruñeses de Narón e Culleredo.

Ademais, continúan en alerta vermella as cidades de Ourense e Santiago e os municipios de Arteixo, A Laracha, Ordes, Ames, Vilagarcía, O Carballiño, Barbadás, Ourense, Verín e Cangas  do Morrazo.

A entrada no nivel máximo de risco por coronavirus implica, para as localidades de menos de 50.000 habitantes, que detectaron máis de 21 casos no últimos sete días. No caso de Ourense e Santiago, as únicas dúas cidades galegas en vermello, significa que sumaron máis de 120 e 112  contagios, respectivamente, nunha semana. 

Mentres, en situación 2 sitúanse 17 municipios, dos que 12 repiten neste nivel con respecto ao domingo: Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Fene, Oleiros, Mesía, Teo, Vilanova de Arousa, O Porriño e O Pereiro de Aguiar.   

Así, os cinco que se suman á alerta laranxa son Carballo, Salvaterra de Miño, Gondomar e Boborás, por empeorar a incidencia da pandemia no últimos sete días; ademais do Barco, que o fai despois de baixar da alerta vermella na que permaneceu durante días. 

Pola súa banda, abandonan o nivel 2 Culleredo, Poio, Nigrán, Narón (que subiron á alerta máxima) e Marín (agora está en nivel 1).