Supéranse os 20.000 casos activos e os 1.200 ingresados tras 1.413 contaxios nun día
• A positividade diminúe un pouco, pero segue por riba do 9 %

Galicia aínda non albisca o cumio da terceira vaga, e a tendencia segue a ser ascendente, tanto en número de casos como en hospitalizados. Segundo os últimos datos do Sergas, hai 20.481 persoas coa enfermidade (+713), logo de 1.413 contaxios.
Por áreas sanitarias:
• A Coruña: 5.389 (+164)
• Vigo: 3.630 (+88)
• Santiago: 3.242 (+124)
• Ourense: 2.866 (+105)
• Pontevedra: 1.940 (+122)
• Lugo: 1.798 (+67)
• Ferrol: 1.616 (+43)
Máis de 1.200 persoas no hospital
A situación nos hospitais galegos é cada vez máis preocupante. Seguen aumentando os ingresos, tanto en planta como na UCI, aínda que hoxe son algo menos ca onte. Hai, segundo os datos consolidados onte ás 18:00, 1.201 persoas hospitalizadas (+47): 1.031 en planta (+38) e 170 nas UCI (+9).
Galicia xa supera por un cento as cifras máximas de abril, e achégase ás marcas récord de ocupación de camas UCI daquela (177).
Onte a cifra de vítimas da pandemia acadou as 1.649, logo de que o Sergas notificara 27 falecementos por mor da covid-19 correspondentes aos últimos días.
A positividade, por riba do 9 %
Cae o número de probas PCR realizadas: 10.925 (-1.611). Delas, deron positivo 1.068 (-166), o que deixa unha positividade do 9,78 %, case o dobre do recomendado pola OMS para dar por controlada a pandemia.
Mapa de incidencia por concellos