CRTVG

Buscar

Galicia rexistra 14.075 casos tras unha semana con máis de mil contaxios diarios

Publicado o 19/01/2021 09:45

• Supérase o pico de persoas en UCI da segunda vaga: hai 114

• A positividade leva 25 días seguidos por riba do 5 %

Galicia rexistra 14.075 casos tras unha semana con máis de mil contaxios diarios

A tendencia ascendente nos contaxios e nas hospitalizacións da terceira vaga segue deixando números preocupantes. Hai 14.075 casos activos, 823 máis ca onte, logo doutra xornada por riba dos 1.000 contaxios (1.183), o sétimo consecutivo.

Por áreas sanitarias a repartición de casos activos sería:

• A Coruña: 3.533 (+187)

• Santiago: 2.507 (+166)

• Vigo: 2.596 (+144)

• Ourense: 1.960 (130)

• Lugo: 1.210 (+64)

• Pontevedra: 1.145 (+57)

• Ferrol: 1.124 (+75)

A presión hospitalaria segue aumentando

Segue incrementándose de xeito preocupante a presión hospitalaria: hai 778 persoas ingresadas, 664 en planta (+29) e 114 nas UCI (+10). Son niveis próximos aos de mediados de abril, cando o impacto da primeira vaga chegou a levar aos hospitais a máis de 1.100 persoas no país.

A cifra de vítimas da pandemia acada as 1.536 persoas, logo de que o Sergas notificara onte o pasamento de 24 persoas por mor da covid-19.

Case 1.000 positivos confirmados por PCR

Dos 1.183 novos contaxios, 970 foron confirmados por PCR, o que revela unha taxa de positividade do 9,88 %, ao realizárense onte 9.819 probas PCR (+940 respecto a onte). Así, a positividade leva 25 días consecutivos por riba do 5 %, limiar máximo recomendado pola OMS.

Mapas de incidencia por concellos e de restricións

Onte comité clínico decidiu ampliar o número de concellos no nivel máximo de restricións. Finalmente, 55 concellos entraron neste nivel o que dá un total de 116 municipios nesta situación, o que resulta preto do 72 % da poboación galega.