CRTVG

Buscar

Falecen 7 persoas con covid-19 nun día en que Galicia supera os 10.000 casos activos

Publicado o 06/11/2020 21:16

• A área da Coruña lidera o crecemento (+94), seguida da de Vigo (+87)

• En decrecemento só está a de Ourense e a de Santiago mantense

• A presión asistencial continúa aumentando

O Sergas notificou o falecemento de sete persoas diagnosticadas con coronavirus nas últimas horas en Galicia.

Trátase dunha muller de 82 anos no CHUF; un home de 76 anos no CHUO e que procedía da residencia Nosa Señora dos Miragres de Barbadás; un home de 82 anos no CHOP; unha muller de 88 anos no CHUS; un home de 80 anos no CHUVI; unha muller de 86 anos no HULA e unha muller de 85 anos na residencia Nosa Señora dos Milagres de Barbadás.

Todos eles con patoloxías previas.

Cos novos falecementos rexistrados, o total de vítimas mortais con covid-19 na comunidade ascende a 976 desde o inicio da pandemia.

Por outra banda, aínda non se deixaron notar as restricións para conter o avance do virus. Galicia superou hoxe a barreira dos 10.000 casos activos de covid-19, tras 722 contaxios, 685 confirmados por PCR.

Por áreas sanitarias, a situación é así:

• Vigo: 2.475 (+87)

• A Coruña: 1.831 (+94)

• Santiago: 1.338 (=)

• Pontevedra: 1.194 (+57)

• Ourense: 1.131 (-21)

• Ferrol: 1.118 (+24)

• Lugo: 1.109 (+60)

Os datos do portal do Sergas revelan unha boa tendencia na área sanitaria de Ourense que, malia sumar 60 novos contaxios, reduce o número de casos activos; isto é, que a suma de persoas que se recuperaron e dos enfermos que faleceron é maior que a cifra de novos infectados. É a única área onde pasa isto esta xornada.

A de Vigo é a única que pasa de dous mil casos activos confirmados a través de PCR, pois conta con 2.475 (87 máis) e 154 novas infeccións detectadas (86 máis); a de Ourense contabiliza 1.131 (21 menos) e 60 novos contaxios (15 máis); e a da Coruña mostra 1.831 (94 máis) e 153 novos  contagios (36 máis).

Pontevedra ten 1.194 casos activos (57 máis) e 92 novos contaxios (3 menos) e Ferrol 1.118 casos activos (24 máis) e 58 infeccións diarias (23 menos).

A área sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza presenta 1.338 casos activos, os mesmos ca no anterior boletín, e 61 novos contaxios (20 menos); mentres que Lugo ten 1.109, 60 máis, e 107 contaxios nun día (32 máis).

Sobe a presión asistencial

Nos hospitais hai 593 persoas, polo que crece a presión asistencial. En UCI hai 85, seis máis, e en planta 508, dez máis que na xornada precedente. Os curados son 29.376, 412 máis, e as PCR realizadas ascenden a 730.777, 7.865 máis; mentres que as serolóxicas son 404.493, 894 máis.