CRTVG

Buscar

Baixan a cinco os pacientes con Covid hospitalizados en Galicia, un deles na UCI de Vigo

Publicado o 10/07/2020 19:05

• Minora o crecemento de infectados en Lugo: +6 nas últimas 24 horas

• A área de Vigo descende á segunda posición tras restar 8 casos

• Pontevedra, Ourense e Ferrol seguen practicamente libres de coronavirus

Galicia suma hoxe tres casos activos máis con respecto a onte e percíbese unha minoración no incremento de infectados na área de Lugo, onde se rexistran seis casos máis nas últimas 24 horas.

No conxunto da provincia o número total de persoas con coronavirus é de 196 (182 deles do brote da Mariña). Tres deles son pacientes hospitalizados, un no HULA e dous no Hospital Público da Mariña, tres recibir a alta tres persoas este venres neste centro. O resto está en seguimento domiciliario.

O resto das áreas presentan un panorama mellor. Agora mesmo é A Coruña a segunda área máis afectada, con 25 casos (+3). Despois están Vigo, con 16 (baixou 8) e Santiago, con 14. Pontevedra (4), Ourense (2) e Ferrol (2) están practicamente libres de coronavirus.

En canto ás hospitalizacións, os pacientes con Covid ingresados en hospitais de Galicia descenderon a cinco este venres, logo das tres altas na Mariña. Catro deles (tres en Lugo, un en Ourense) están ingresados en planta e un na UCI (o paciente que chegou a Vigo nun bus procedente de Madrid).

Na área de Ourense a paciente ingresada con Covid-19 é unha moza procedente de México. Deste caso detectáronse outros tres no municipio de Beariz, todos eles en seguimento domiciliario.

Ademais, hoxe fai un mes que se non se producen falecementos en Galicia. O Sergas dá por curadas outras 16 persoas. 

Até a data realizáronse 32.970 PCR e curáronse 1.754 persoas.