CRTVG

Buscar

Galicia suma 343 novos contaxios nun día e chega ás 831 mortes

Publicado o 20/10/2020 14:27

• O Barco de Valdeorras entra no nivel vermello e saen Nigrán e Poio

• Hai 5.215 casos activos en toda Galicia

Galicia suma 343 novos contaxios nun día e chega ás 831 mortes

Galicia suma nas últimas 24 horas 343 novos contaxios, 74 menos ca a xornada pasada, mentres que o número de casos activos segue por encima dos 5.000 en toda a comunidade, cifra que só se alcanzou durante os primeiros días do mes abril, na primeira onda da pandemia.

Actualmente hai 5.215 casos activos, 114 máis ca onte, e 831 as mortes desde o inicio da pandemia, cos 9 falecementos comunicados na tarde de onte.

O repartimento por áreas sanitarias quedaría:

• Ourense: 1.479 (-37)

• A Coruña: 876 (+24)

• Vigo: 831 (+40)

• Santiago: 813 (+51)

• Lugo: 497 (+14)

• Pontevedra: 481 (+6)

• Ferrol: 238 (+16)

Os últimos datos recollidos mostran un descenso de casos activos na área sanitaria de Ourense, con 37 casos menos nas últimas 24 horas, ata os 1.479, aínda que segue sendo a área que acumula máis casos activos. 

Ademais, esta área sumou 66 novos contaxios nun día, os mesmos que o día anterior.

No resto de áreas sanitarias seguen aumentando os casos activos. Deste xeito, a área de Vigo sumou nas últimas 24 horas 40 casos activos novos, ata os 831, e 48 contaxios máis. 

Na área da Coruña rexistráronse 24 casos activos máis na última xornada, ata alcanzar os 876, e hai 62 novos contaxios; mentres que na área de Ferrol aumentaron os casos activos en 16, ata os 238, e rexistráronse 25 novos contaxios nun só día. 

Na área de Lugo rexistráronse 14 casos activos máis por covid-19, sumando así 497, con 24 novos contaxios.

En Pontevedra a situación é similar, con 6 casos activos máis ca onte, ata os 481 e 31 novos  contaxios.

Por último, a área de Santiago sumou na última xornada 51 casos activos máis, alcanzando un total de 813. Ademais, esta zona 87 novos contaxios nas últimas 24 horas.

Aumentan as hospitalicacións e as UCI

Nestes momentos en toda Galicia hai 47 pacientes ingresados en UCI, un máis que onte, e 277 persoas hospitalizadas, once máis; mentres que son 23.812 os curados.

Nove mortos na xornada de onte

Entre estas novas mortes na nosa comunidade figura a dun home de 62 anos que estaba ingresado no complexo hospitalario de Ourense que procedía da residencia Os Gozos do Pereiro de Aguiar, e dúas mulleres de 94 e 95 anos que faleceron nas propias dependencias deste xeriátrico.

Tamén morreron en centros de maiores unha muller de 93 anos interna na residencia Val de Monterrei e un home de 95 anos en DomusVi Oleiros.

Completan a listaxe de novos decesos en Galicia relacionados coa pandemia unha muller de 84 e un home de 80 que estaban ingresados no complexo hospitalario de Santiago, un home de 80 anos que estaba ingresado no complexo hospitalario de Vigo e unha muller de 73 que estaba no de Pontevedra.

No que vai de pandemia finaron 831 galegas e galegos, dos que 212 foron nesta segunda vaga.

Menos PCR

De xeito semellante á semana pasada, as PCR baixan o ritmo. Ata a data realizáronse 596.332, hoxe 4.170, que son 1.510 menos ca onte, 2.484 ca antonte e 2.968 menos ca antes de antonte.

Mapa de alertas

Segundo o mapa de zonas en alerta do Sergas, O Barco de Valdeorras entra no nivel vermello e saen del Nigrán e Poio.