CRTVG

Buscar

Galicia suma 318 vítimas mortais, mentres os hospitais e as UCI comezan a ver aliviada a presión

Publicado o 10/04/2020 11:55

Nove falecementos este venres elevan a 318 os mortos a causa do coronavirus en Galicia. Segundo informa o Sergas, trátase dunha muller de 71 anos, outra de 87 anos, un home de 77 anos e outro de 88 anos que estaban ingresados no CHUAC; un home de 59 anos ingresado no CHUS e unha muller de 87 anos ingresada na clínica A Rosaleda de Santiago; unha muller de 81 anos ingresada no hospital de Verín, unha muller de 94 anos ingresada no hospital de Valdeorras, e un home de 90 anos ingresado no hospital da Mariña.

Nestes momentos contabilízanse en Galicia 253 falecidos nos hospitais e 65 en residencias de anciáns, para eses 318 mortos totais a causa do coronavirus.

Respecto das 4 persoas falecidas onte en centros residenciais, unha foi na residencia DomusVi San Lázaro (Santiago de Compostela), unha na residencia N.S. Fátima (O Barco de Valdeorras, Ourense), outra na residencia N.S. de la Esperanza (Ourense) e unha na residencia DomusVi Cangas.

O número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 5.631, o que supón 80 máis, pero cun incremento menor ao día anterior, cando se contabilizaban 91 máis. Deles 1.151 son da área da Coruña, 571 da de Lugo, 1.082 da de Ourense, 469 da de Pontevedra, 1.074 da área de Vigo, 963 da de Santiago, e 321 da de Ferrol. Dos datos por áreas sanitarias destacan os de Ourense, por ser a segunda con máis casos, e na que se produciu un incremento maior con respecto ao día anterior, 41 máis.

Do total de pacientes positivos, 149 permanecen en UCI, 5 menos que na véspera, 766 están en unidades de hospitalización, 28 menos que na xornada anterior, e 4.716 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 997 altas de pacientes e 318 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 39.432.