CRTVG

Buscar

Galicia solicitará pasar á fase 2: máis mobilidade, apertura da hostalería e centros comerciais e regreso ás praias

Publicado o 18/05/2020 14:52

Galicia quere entrar o luns 25 na fase dúas, que supón un paso adiante na liberdade de movementos. Poderán circular pola provincia ata 15 persoas, sen contar os que conviven. Para pasear ou facer deporte, elimínase a limitación dun quilómetro e as faixas horarias, agás nas horas destinadas aos maiores, que se manteñen. Tamén reabrirán os locais de hostalería, que poderán atender clientes no seu interior, sempre en mesa e cun 40 por cento da súa capacidade. Ese 40 por cento será tamén o límite nas tendas dos centros comerciais, que volven á actividade.

Dende o luns, poderán retomarse as visitas ás residencias de maiores. Outra das medidas máis agardadas é a volta ás piscinas, ao 30 por cento, e ás praias, con fins recreativos e respectando a distancia social.

Regresa tamén a actividade lectiva nos centros educativos: en Galicia volverán ás aulas, de xeito voluntario, os alumnos de segundo de bacharelato, e FP media e superior. Cines, teatros e auditorios levantarán o pano cun terzo de espectadores. A fase dúas tamén autoriza a celebrar vodas con ata cen invitados, e velorios cun límite de 25 persoas.

A desescalada xa deixa esta mesma semana outras novidades: os universitarios poden viaxar a outra provincia galega para recoller apuntamentos ou efectos persoais nos pisos ou residencias. Será nun único desprazamento, certificado por cada universidade. Amais, reabren as bibliotecas e museos da Xunta. Autorízanse as rozas de montes e leiras, e volve á actividade aos mercados de gando.

Noticias web

18/05/2020