CRTVG

Buscar

Galicia tivo no último mes 568 incendios e case a metade deles empezaron de noite

Publicado o 13/08/2020 13:45
Galicia tivo no último mes 568 incendios e case a metade deles empezaron de noite

Galicia rexistrou no último mes un total de 568 incendios, segundo os datos que fixo públicos este xoves o conselleiro do Medio Rural, José González.

Deles, 255 incendios producíronse en horario nocturno, arredor do 45%, mentres que 29 iniciáronse con dous ou máis focos simultáneos, o 5%. 

A Xunta fala de "clara intencionalidade" dos incendios, á vez que o titular de Medio Rural reivindica o "extraordinario esforzo do dispositivo", ao que atribúe que o 75% dos incendios "foron ou quedaron en conatos", é dicir, cunha afectación inferior á hectárea de superficie. 

"Pola noite non se fan grelladas nin hai actividade gandeira", chamou a atención o conselleiro, en declaracións aos medios de comunicación durante unha visita ao Concello de Monterrei (Ourense), onde comprobou in situ a actuación con drons para vixiar e disuadir a actividade incendiaria.   

"Se sumamos os de horario nocturno e os que teñen dous ou máis focos, a metade dos incendios do último mes foron intencionados, coa intención de provocar dano", incidiu.   Por iso é polo que lembrou que é "necesaria a colaboración cidadá" e que asegurou que por parte das autoridades está a porse "todo o traballo de investigación". De feito, sinalou que o xuíz enviou a prisión sen fianza a un dos dous incendiarios aos que se pillou na allada nos últimos días.   

Os drons, segundo indicou, actúan "de día e de noite" e, a pesar de non poder revelar datos das investigacións, si pode "dicir que hai probas gráficas dalgúns dos detidos ou no cárcere". 

"Tanto os drons, o teléfono, como as cámaras fixas están a dar resultados na investigación. Hai chamadas que iniciaron investigacións que van acabar seguro en detencións", remarcou.