CRTVG

Buscar

Galicia rexeita a proposta do Ministerio para aplicar restricións por considerala incompleta

Publicado o 30/09/2020 20:04
Galicia rexeita a proposta do Ministerio para aplicar restricións por considerala incompleta

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, trasladoulle esta tarde ao Ministerio da Sanidade o rexeitamento da comunidade galega á proposta formulada no Consello Interterritorial de Saúde, ao considerala incompleta e ademais non contar con avais técnicos suficientes.

Na xuntanza cos representantes sanitarios das restantes comunidades autónomas, o titular de Sanidade destacou que a proposición exposta hoxe no Consello Interterritorial só contempla tres criterios de avaliación e que, ademais, obvia moitos dos parámetros recollidos no documento elaborado polo comité clínico de expertos da comunidade galega.

Sobre este particular, García Comesaña sinalou que Galicia leva conxugando os datos de ata 10 parámetros cos seus correspondente indicadores para tomar decisións sobre posible adopción de medidas restritivas nos diferentes concellos de Galicia.

A liña de traballo que vén desenvolvendo o comité de expertos, que se reúne semanalmente, segue os mesmos criterios, tanto para concellos de poucos habitantes como para as grandes cidades de Galicia, incluídas as de máis de 100.000 habitantes.

Así, a proposta do Ministerio exposta na xuntanza desta tarde é considerada incompleta ao non recoller entre outros indicadores: a vulnerabilidade, a porcentaxe de positivos sobre corentenados, a presión hospitalaria ou a situación das urxencias, uns datos que si ten en conta o comité de expertos galego na evolución da pandemia na nosa comunidade.

Ademais, o conselleiro de Sanidade apuntou que obviar os criterios empregados por Galicia ata este momento, non permitiría dar continuidade ao traballo desenvolto desde o inicio da pandemia polo conxunto de expertos que monitoran a evolución epidemiolóxica da covid-19 en Galicia.

Por último, Garcia Comesaña convidou o Ministerio de Sanidade a que se convoque na maior brevidade posible os relatorios de alerta e saúde pública, de xeito que este documento técnico estea dispoñible o antes posible para todas as comunidades autónomas, sexa válido para o maior número de situacións e ademais conte cun número axeitado de parámetros.