CRTVG

Buscar

Galicia reduce os seus casos activos (-520) e ingresados na véspera da desescalada

Publicado o 25/02/2021 09:42

• As hospitalizacións baixan do limiar dos 600 e volven a niveis de mediados de xaneiro

Galicia reduce os seus casos activos (-520) e ingresados na véspera da desescalada

Nova xornada con datos positivos no relativo a pandemia en Galicia. Segundo o Sergas, hai 6.772 casos activos (-520), logo de 320 novos positivos detectados, 260 mediante probas PCR. Son case 13.400 casos activos menos que hai un mes.

Por áreas sanitarias, a repartición de casos é a seguinte:

A Coruña: 2.185 (-166)

Vigo: 1.056 (-71)

Pontevedra: 930 (-53)

Santiago: 742 (-65)

Lugo: 702 (-46)

Ferrol: 719 (-48)

Ourense: 438 (-71)

Alivia a presión hospitalaria

Outro dato positivo que nos deixa a xornada é a redución tamén da presión hospitalaria. Hai 586 persoas hospitalizadas no país (-48): 465 persoas en planta (-36) e 121 nas UCI (-12). Malia a evolución descendente, polo de agora as UCI seguen por riba do pico da segunda vaga.

Onte Galicia chegou ás 2.205 vítimas por mor da covid−19 logo da notificación do Sergas de nove falecementos nos últimos días.

Dez días por debaixo do 5 %

A positividade sobe, pero segue por debaixo do 5 %. Das 5.821 probas PCR realizadas onte (-652), segundo os datos do Sergas, deron positivo 260, o cal revela unha positividade do 4,47 %, un punto máis ca onte.

Mapas de incidencia e restricións por concellos