Galicia reduce os casos activos (-159), pero aumenta a presión asistencial
• Hai 559 persoas ingresadas en planta (+20). Cen seguen nas UCI
• Baixan os casos activos en todas as áreas, agás en Ferrol (+9)
Galicia continúa baixando o seu número de casos activos (-159). En cousa de dúas semanas, a nosa comunidade reduciu nun milleiro os infectados pola covid−19. Porén, a cifra de hospitalizados non segue a mesma tendencia.
Galicia reduce os casos activos (-159), pero aumenta a presión asistencial (+20 ingresos en planta). Contámosche máis aquí https://t.co/fjn8D8d7Hr pic.twitter.com/3ITXtT7A43
— G24 (@G24Noticias) November 23, 2020
Por áreas sanitarias:
• Vigo: 2.260 (-60)
• A Coruña: 1.798 (-44)
• Pontevedra: 1.234 (-1)
• Lugo: 1.097 (-20)
• Santiago: 959 (-16)
• Ourense: 637 (-27)
• Ferrol: 684 (+9)
Baixan as PCR e a taxa de positividade
As probas PCR rexistradas son 6.143, 988 menos ca onte e 903 menos ca a semana pasada. Unha cifra que se mantén nun ritmo algo menor ao de hai unhas semanas.
Con todo, hai bos datos de positividade: 5,25 %, das cifras máis baixas do último mes. Lembremos que o limiar da OMS para dar por controlada unha pandemia está no 5 %.
Cómpre ler este dato con cautela. As cifras de positividade oscilan diariamente con frecuencia, afectadas por cribados masivos en grandes poboacións (que a reducen) e cribados en lugares onde hai indicios de gromo, como as residencias (que a incrementan), entre moitas outras circunstancias.
A taxa de positividade media da última semana sitúase nos 7.25 %, un dato algo "inflado" pola importante suba da positividade o día 20, cando acadamos case 10 %.
Soben os ingresos en planta
Hai 559 persoas nos hospitais galego pola covid−19. Delas, 100 están na UCI e 459, en planta (+20).
A cifra de hospitalizados pola covid−19 non segue a mesma tendencia descendente clara que a gráfica dos casos activos. Se ben si que se pode apreciar un descenso dende o pasado 11 de novembro, este é irregular.
Preocupan as UCI, o último elo do sistema sanitario que cómpre reducir radicalmente. Hai 100 persoas nelas, un número ao que nos aproximamos (por arriba e por abaixo) dende hai dúas semanas) e que non acabamos de frear.
Cen mortos en dez días
Por desgraza, no que vai de pandemia faleceron 1146 persoas, logo das nove notificadas onte polo Sergas. A segunda vaga, comezada o 7 de agosto, leva polo momento 512 vítimas.
O dato máis preocupante: nos últimos dez días faleceron 100 persoas.