CRTVG

Buscar

Galicia pídelle a Fomento unha aposta clara pola liña ferroviaria Vigo-O Porto

Publicado o 13/03/2019 20:13

O Goberno galego demándalle a Fomento unha aposta clara pola liña ferroviaria Vigo-O Porto. Ao quedar fóra do Corredor Atlántico, o acceso aos fondos comunitarios é máis complicada. E por iso a Conselleira de Infraestruturas quere que o Ministerio planifique ben os proxectos que vai presentar na Unión Europea para conseguir o financiamento. O Consello Económico e Social advirte da perda de competitividade do porto de Vigo se non chegan eses cartos de Bruxelas.

A Unión Europea deixou fóra do Corredor Atlántico a conexión por tren entre Vigo e O Porto. Con esta decisión de Bruxelas, esta ruta queda relegada a integrar a rede global de transporte ferroviario da Unión Europea. Na práctica supón menos fondos comunitarios para a modernización da liña.
Desde o Consello Económico e Social lanzan unha advertencia. O porto vigués perderá competitividade se non hai esa saída sur cara ao Porto.

Corina Porro, presidenta do Consello Económico e Social: "Un porto que sen ter unha saída sur, sen crecer igual que os outros da cornixa en canto ás infraestruturas que se precisan, deixa de ser competitivo".

O Goberno galego pídelle a Fomento unha aposta clara polo tren Vigo-O Porto. Eles son os encargadados de presentar diante da Unión Europea a proposta de modernización para esa liña.
A Consellería de Infraestruturas demanda ese esforzo porque os fondos comunitarios a repartir son de menor cuantía.

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas: "Precísase unha aposta clara e que se decida o Ministerio de Fomento pola saída Vigo - O Porto e que elabore un proxecto completo e competitivo para poder competir en Europa polos financiamentos europeos que neste caso é máis complicado".

Proxectos concretos e completos que tamén pide para a liña A Coruña - Vigo - Ourense - León, incluída na rede básica do Corredor Atlántico.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/03/2019