CRTVG

Buscar

Galicia, pendente do cumio europeo en que se van negociar os recortes dos fondos

Publicado o 20/02/2020 08:37

• Bruxelas propón de inicio recortar un 14 por cento os fondos do agro

Os agricultores levan os tractores a Bruxelas, ás portas do Consello Europeo, en defensa da PAC. Chegaron tamén dende varios puntos de España. Presionan así para que non se recorten os fondos agrarios da Unión Europea. As negociacións entre os 27 comezaban ás tres.

E o punto de partida é complicado. A proposta inicial de Bruxelas prevé un recorte dun 14% nos fondos para o agro. E precisamente son os cartos prioritarios para España e Galicia, xunto cos fondos de cohesión.

Está é unha reunión crucial porque nela abórdanse os orzamentos para os próximos sete anos e dos que dependerá en que se poden gastar os cartos europeos.

España ten moito en xogo, xa que a proposta que está enriba da mesa inclúe recortes dun 14% na política agraria e dun 12 nas políticas de cohesion, dúas prioridades para España que poderían supor grandes perdas en axudas para os agricultores e o rural.

O sector é ben consciente do que arrisca nesta negociación e por iso esta mañá chegaron os tractores ás portas do Consello Europeo. Entre eles están tamén agricultores españois que veñen defender o campo e partidas suficientes para o campo.

España e Galicia teñen moito en xogo esta tarde en Bruxelas. O primeiro que debaterán os 27 é canto diñeiro vai ter a Unión Europea os próximos sete anos. E despois a repartición por áreas. 
O punto de partida é difícil coa saída do Reino Unido e novas prioridades para financiar, como a loita contra o cambio climático.

Ante iso o presidente do Consello Europeo, propón recortar as dúas prioridades para España: os fondos de cohesion para as rexións máis pobres, un 12%, e a PAC, serían 925 millóns menos para España cada ano, segundo calcularon xa as organizacións agrarias desprazadas a Bruxelas para tentar evitalo.

España negociará para evitar os recortes nunha fronte común con Francia e Portugal.

A previsión é que as negociacións se prolonguen ata a fin de semana e aínda así non hai garantía de acordo. Chegar ao 2021 sen presuposto sería un escenario de pesadelo, segundo fontes comunitarias, co bloqueo de múltiples pagos. 

Desde Galicia, o presidente da Xunta asegura que está preocupado. Di que é clave a cantidade que nos corresponde e como se distribúen os cartos entre as comunidades.

Noticias web

20/02/2020