CRTVG

Buscar

Galicia mellora os datos de recollida selectiva de vidro

Publicado o 11/03/2020 14:47

Melloran os datos da reciclaxe de vidro. Galicia recolle de forma selectiva a través do contedor verde un 33% máis que hai 5 anos e sitúase por primeira vez por riba da media nacional. Segundo os datos referidos ao 2019 foi A Coruña a provincia galega que máis reciclou e Pontevedra destaca por ser unha das provincias de todo o Estado nas que máis medrou a recollida selectiva.

A recollida de envases de vidro medrou no 2019 en Galicia un 7,6% con respecto ao ano anterior e suma 5 anos consecutivos de incrementos. 

"Conseguimos recliclar xa en Galicia 52.000 toneladas de envases de vidro o que supón un 7,6% máis con respecto ao ano anterior", conta Germán Fernández, xerente de Ecovidrio en Galicia.

Galicia ponse por vez primeira por riba da media nacional. No 2019 cada galego botou no contedor verde 19,3 quilos de vidro.

"Só pedimos dalgunha maneira, separar, segregar na casa para botar no contedor axeitado. Xa despois nós nos encargaremos da reciclaxe, de darlle outra vida, de poñer en marcha a economía circular en si", apunta María Cruz Ferreira, directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

"E coa reciclaxe do vidro que recuperamos no ano 2019 evitamos a extracción de máis de 85.000 toneladas de materias primas, conseguimos evitar a emisión a atmosfera de máis de 40.000 toneladas de CO2 e un aforro en consumo  de 50.700 megavatios que ven sendo coma o consumo enerxético de dous meses dos hospitais de Galicia", comenta Germán Fernández, xerente de Ecovidrio en Galicia.

A clave do éxito débese ao compromiso do sector da hostalaría, ao aumento do parque de colectores e ás campañas de información para sensibilizar a cidadanía de que nas súas mans está converter un residuo nunha materia prima de alto valor.

Noticias web

11/03/2020