CRTVG

Buscar

Galicia en Común, o BNG e o PSdeG opóñense a unhas eleccións durante a desescalada

Publicado o 15/05/2020 15:43

Os principais grupos da oposición no Parlamento de Galicia manifestaron o seu desacordo coa intención do presidente da Xunta de convocar eleccións canto antes.

Desde o PSdeG, o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, instouno a “reconsiderar” as súas previsións e asegurou que o mandatario autonómico está “pechado en si mesmo” e “illado da realidade social” de Galicia.

Caballero di que non existen garantías suficientes para a celebración dos comicios e denuncia que Núñez Feijóo "rompeu os acordos e os compromisos” alcanzados coa oposición cando se adiaron as eleccións previstas apra o 5 de abril. Daquela, segundo o líder da oposición, o acordo publicado no Diario Oficial de Galicia establece que a nova convocatoria realizarase “despois do estado de alarma e da emerxencia sanitaria”, unhas condicións que aínda non se dan, di.

Pola súa banda, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, emprazou ao presidente da Xunta a “pensar no ben dos galegos” antes de convocar unha eleccións autonómicas “sen garantías sanitarias nin democráticas”.

Pontón trasladou a súa “sensación” de que as eleccións serán o 12 de xullo, o que implicaría “unha convocatoria inminente”, o que é “irresponsable e non moi prudente nunha fase tan delicada como a  desescalada”. “Hai un país atravesando unha grave crise e necesitamos a unidade de todos para levantalo, pero vemos que as prioridades de Feijóo son outras”, apuntou a voceira do Bloque, que considera que o titular do Executivo galego “cre que pode sacar rédito electoral dunha pandemia”.

Desde Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reiterou tamén o seu rexeitamento á convocatoria inminente de eleccións. É, segundo dixo, “absolutamente irresponsable” porque deste xeito "iníciase un proceso electoral en que vai ser máis difícil que o Goberno estea atento ao que ten que estar", asegurou.

Entende que a xuntanza convocada polo presidente o xoves cos partidos "foi un teatro en que durante dúas horas e media Feijóo en absoluto recolleu ningunha das achegas da oposición".

 

Noticias web

15/05/2020