CRTVG

Buscar

Galicia en Común-Anova Mareas completa as súas listas electorais

Publicado o 02/03/2020 21:55

• Podemos queda coa metade dos postos de saída da coalición

Galicia en Común-Anova Mareas completa as súas listas electorais

Esta mesma tarde coñecéronse os nomes da candidatura de Galicia en Común-Anova Mareas.
O candidato á presidencia, Antón Gómez Reino, encabeza a lista pola Coruña e leva de número dous a Luca Chao, de Podemos coma el. Martiño Noriega, de Anova, ocupa o terceiro posto. Por Lugo encabeza a lista un home de Anova, Miguel Anxo Fernán-Vello, e por Ourense David Bruzos, de Podemos. Por Pontevedra vai de número un Eva Solla, de Esquerda Unida.

As listas de Galicia en Común-Anova Mareas pecháronse este luns cunha repartición similar ao que xa se pactou para o órgano de goberno que controlará o seu funcionamento, con máis do 60 por cento dos postos totais para a pata Galicia en Común e o resto para Anova, que os reparte coas mareas municipalistas. O acordo foi asinado ante a xunta electoral por tres partidos: Podemos, Esquerda Unida e Anova, aínda que a formación nacionalista co compromiso de repartir a súa cota coas mareas municipalistas.  

Deste xeito, e tras a análise das listas realizada por Europa Press, Podemos queda coa metade dos postos de saída da coalición, mentres que Anova leva preto do 36 por cento restante. Esquerda Unida sitúa dúas persoas nos postos de saída, o número un por Pontevedra e o catro pola Coruña.   Concretamente, considérase postos de saída un total de 14 entre as catro candidaturas provinciais, que se corresponden cos deputados conseguidos nas eleccións de 2016 polo partido En Marea. Está por ver se o resultado se repite agora, despois de que os principais impulsores dese partido acabaron separándose da marca e agora van coa de Galicia en Común.  

 

Noticias web

02/03/2020