CRTVG

Buscar

Galicia comeza a vacinar os primeiros profesionais sanitarios

Publicado o 13/01/2021 15:10

Sanidade comezou este mércores a vacinar os profesionais sanitarios. Puntuais ás oito da mañá chegaban as doses da vacina ao hospital de Ourense. Os primeiros en vacinarse son o persoal que está en primeira liña contra a covid.

20 minutos despois a enfermeira Rosa Ferreiro era a primeira en recibir a vacina na área sanitaria de Ourense, onde hoxe están chamados a seren vacinados un milleiro de profesionais.

E así foron comezando de xeito organizado as inoculacións no resto das áreas sanitarias de Galicia, onde se prevé rematar nunha semana con esta primeira ronda, cuns 20.000 profesionais. Os sanitarios destacan que a vacina é segura e que hai que dar exemplo á poboación.

O Sergas agarda finalizar esta semana a primeira fase da vacinación nas residencias de maiores e nos centros de discapacidade. A partir do día 17, o próximo domingo, está previsto que se empece a administrar a segunda dose. Se todo vai conforme ao previsto, a finais de xaneiro estarían vacinados todos os usuarios e traballadores deses centros.

"Galicia é a comunidade líder no proceso de vacinación, xa se levan postas máis de 30.400 doses da vacina. Pero aínda queda un pouco para que as persoas maiores estean ao 100 por cento inmunizadas. Así que aínda quedan unhas semanas en que hai que manter a máxima preocupación", asegura a conselleira de Política Social Fabiola García.

Galicia é a cuarta comunidade autónoma española que máis poboación leva vacinada. E Ourense unha das provincias que van á cabeza.

"O maior éxito é dos profesionais que forman parte do equipo de enfermería e atención primaria, no que hai xente con experiencia en campañas de vacinación e, sobre todo, moi motivada. Tiñan claro que lles daba igual sábado, domingo, mañá ou tarde con tal de chegar canto antes a todos os residentes e traballadores", explica Verónica Civeira, coordinadora do equipo de vacinación da área sanitaria de Ourense.

Simultaneamente á vacinación nas residencias, este mércores empeza a campaña de vacinación entre o persoal sanitario de Galicia. Farase nos centros de atención primaria e nos hospitais. A previsión é que durante esta semana se lles poida administrar a primeira dose da vacina a 20.000 profesionais sanitarios galegos. Están incluídos médicos, enfermeiros e todo aquel que poida ter contacto co virus, como o persoal de laboratorio.