CRTVG

Buscar

Galicia comeza esta medianoite a desescalada con peche durante a ponte

Publicado o 03/12/2020 09:07

Finalmente, Galicia pechará perimetralmente durante a ponte da Constitución para evitar a mobilidade con Portugal. A partir da vindeira medianoite, ademais, iníciase a desescalada de restricións. Abre a hostalería en toda a comunidade autónoma e permitiranse as reunións de non conviventes, pero con diferenzas entre os concellos dependendo da situación epidemiolóxica de cada un deles. 

O presidente da Xunta xa anunciara á mañá que ía pedirlle ao Goberno central o peche da fronteira con Portugal durante a ponte da Constitución. O territorio galego xa estaba illado ao estaren pechadas as comunidades lindeiras de Castela e León e Asturias, pero preocupaba a mobilidade co país luso, que está en estado de emerxencia con máis de tres mil contaxiados. Unha comunidade autónoma non pode decretar o peche dunha fronteira, é competencia do Ministerio de Interior, e cando se produce, ten que ser nacional. Asi que, finalmente, a Xunta decidiu o peche perimetral de toda Galicia. Por tanto, desde esta medianoite e ata as doce da noite do vindeiro mércores non se poderá entrar nin saír da comunidade autónoma.

A partir desta próxima medianoite comeza tamén o inicio da desescalada. En liñas xerais, en toda Galicia autorízanse as reunións de xente que non conviva, catro ou seis como máximo dependendo das restricións de cada concello. Alberto Núñez Feijóo pide prudencia.

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia: "Entre as videoconferencias e as apertas, hai un termo medio. Manteñan as distancias de seguridade e a máscara de protección".

Unha recomendación extensible á hostalería, que a partir de mañá poderá abrir en toda Galicia, aínda que con distintos horarios segundo o concello. E despois de semanas de peches perimetrais, os veciños de Ourense e Santiago terán permitida a mobilidade. Di o presidente da Xunta que non debe caerse na relaxación.

Insiste Feijóo en que é máis importante ca nunca cumprir as normas para non ter que endurecer as medidas durante as festas.

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia: "Se nalgún concello a curva volve despegar, veriámonos na obriga de volver pechar inda que estivésemos no Nadal".

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as condicións e os detalles da desescalada.

Noticias web

03/12/2020