CRTVG

Buscar

Galicia comeza a desescalada coa reapertura gradual da hostalaría na ponte

Publicado o 02/12/2020 20:49

• Poderá haber reunións de non conviventes, pero varían as ocupacións dos locais e os seus horarios en función da incidencia

Galicia, pechada na ponte para evitar a mobilidade con Portugal

 

 

Galicia afronta nesta ponte de decembro unha desescalada gradual que afecta ás restricións impostas pola pandemia de coronavirus no que se refire á mobilidade, á reunión de persoas e á apertura da hostalaría.

O presidente da Xunta detallou cales son os niveis desa desescalada que inicia Galicia este venres ás 00:00 h.

Establécense catro niveis de restrición na desescalada: máximo, medio-alto, medio, básico.

- Máxima restrición: é a que a Xunta coñece como modelo Carballiño. Entrarían os concellos de máis de 10.000 habitantes con incidencia acumulada igual ou maior a 250 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días. A hostalaría so poderá abrir as terrazas ao 50 por cento, para grupos dun máximo de catro persoas.

Afecta a: Pontevedra, Poio e Marín; a améndoa que conforman O Grove e Sanxenxo; a améndoa entre Carballo e Laracha; e de xeito individual: Tui, Ponteareas, Moaña,Vilalba, Narón, Redondela, Porriño, Cambados e As Pontes.

- Nivel de restrición medio-alto: os concellos de máis de 10.000 habitantes, cunha incidencia entre 150 e 250 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días. Permítese a apertura da hostalaría, con ata un 30 da ocupación no interior e un 50 por cento no exterior, ata as 17:00 horas. Poderán agruparse catro persoas como máximo.

Afectaría a: améndoa de Ferrol (Ferrol, Fene e Neda); a améndoa de Vigo (Vigo, Mos, Nigrán e Gondomar); a améndoa e Vilagarcía e Vilanova; a améndoa de Coristanco, Cabana, Malpica e Ponteceso; a améndoa de Meis, Meaño e Ribadumia; a améndoa de Cee, Dumbría, Muxía e concellos individuais de menos de 10.000 habitantes: Oroso, A Guarda, Vimianzo, Ribadavia, Xinzo e Vilaboa; e de máis de 10.000: Lugo, Lalín e Cangas.

- Nivel de restrición medio: concellos de máis de 10.000 habitantes cunha incidencia da enfermidade de entre 100 e 150 casos por 100.000 habitantes, ou concellos de menos de 10.000 habitantes entre 150 e 250 casos de incidencia acumulada. Permítese a apertura da hostalaría cun 40 por cento de ocupación interior e un 50 % na terraza, ata as 23:00 horas. Poderán agruparse seis persoas como máximo.

Nesta situación están: a améndoa da Coruña (A Coruña, Arteixo, Oleiros, Cambre e Culleredo), Burela, Laxe, Silleda, Soutomaior, Ponte Caldelas, Barro e Cerdedo-Cotobade.

- Restrición básica: para concellos de máis de 10.000 habitantes cunha incidencia por debaixo de 100 casos por cada 100.000 habitantes ou concellos de menos de 10.000 habitantes cunha incidencia de 150 casos ou menos. Permítese a apertura da hostalaría cun 50 por cento de ocupación no interior e un 75 por cento na terraza. Grupos de seis persoas.

Aplícase en Santiago, Ames e Teo; Ourense, Barbadás e Pereiro de Aguiar; A Estradae Ares, e seguen o resto de concellos galegos.

Entre as novidades máis destacables nas cidades, recuperan mobilidade ao 100 % as áreas de Santiago e Ourense.

"Iniciamos un proceso de desescalada das medidas adoptadas hai tres semanas e media", dixo Alberto Núñez Feijóo, que remarca que "a tendencia é notablemente mellor que hai un mes", aínda que iso "non significa que non continúe a preocupación".

Recalcou que "segue habendo contaxios, temos presente a importante interacción social e a mobilidade que vai haber en decembro e teremos que seguir vixilantes".

Dúas unidades familiares no Nadal

Cara ao Nadal, aínda non hai unha decisión tomada, pero a Xunta apostará hoxe, na xuntanza do consello interterritorial de Sanidade, por que se permita a xuntanza de dúas unidades familiares, independentemente do número de membros. En casos de máis de dúas unidades familiares aínda non hai unha postura tomada, pero o Goberno galego pide que non conten os nenos de menos de dez anos. "O lóxico é que non variemos as unidades familiares o 24, o 25 e o 31, estariamos facéndonos trampas a nós mesmos", dixo.

Mobilidade restrinxida con Portugal

Outra das medidas que se toma é a restrición da mobilidade con Portugal durante a ponte. A Xunta solicitará á Delegación do Goberno que faga efectiva esa restrición desde o venres ás 00:00 horas ata o día 9 de decembro. 

Núñez Feijóo pediulle á cidadanía que evite visitar o país veciño, "por seguridade".

Non haberá cambios no comercio, onde segue rexendo unha ocupación máxima do 50 por cento. Tampouco hai cambios no transporte público nin no toque de recollida, que segue fixado nas 23:00 horas.